inicio nós escola de gameleiros actividades maquetas navega contacto
Asociación Cultural Gameleiros

Asociación Cultural Gameleiros

O día 25 de abril do ano 2004 un grupo de amigos, estreitamente vencellados ó mar, constituíamos formalmente a Asociación Cultural Gameleiros para, a través desta entidade, tratar de conseguir mellor os obxectivos polos que dende hai tempo viñamos traballando. Así se recuperou hai moitos anos a gamela "Baluarte" con tódo-los seus aparellos de navegación a vela.

O obxectivo máis importante da Asociación Cultural Gameleiros é tratar de frear na medida do posible a reducción da actual flota de gamelas coruxeiras, tentando consolida-la súa presencia nas praias da localidade á cal xustamente lle deben a súa denominación, por ser os mariñeiros de Coruxo, conxuntamente cos seus carpinteiros de ribeira, os que desenvolveron o actual deseño, e que se extendeu despois por toda a Ría.

Neste deseño tivo moito que ver a necesidade de ter que varar na praia, resultando unha embarcación con grande autonomía, que tanto pode navegar a motor como a remos ou a vela e que non precisa de peiraos ou grúas para ser varadas.

Pensamos que si se sacan do seu entorno tradicional perderase ademáis dun ben cultural e paisaxístico parte da súa razón de ser, entendemos que é un dereito dos gameleiros o varado na praia e o libre fondeo nos lugares de sempre.

Para lograr este obxetivo creemos necesario dinamiza-lo entorno levando a cabo actividades divulgativas da cultura mariñeira e que fomenten o uso da gamela fora da pesca profesional, facilitando ás novas xeracións a práctica deportiva da pesca artesanal, e por suposto, da navegación tradicional.

Con esta finalidade, a Asociación Cultural Gameleiros, en estreita colaboración coa Vocalía do Mar do C.R.A.C. de Coruxo, promove actualmente a posta en marcha da Escola de Gameleiros, onde se levarán a cabo diversos cursos, que servirá tamen como espacio expositivo e onde se porá a disposición do público información permanentemente actualizada sobre todo o relacionado coa navegación tradicional. Esperamos que a iniciativa axude a poñer en valor e polo tanto facer respeta-lo patrimonio.

Hoxendía a Asociación Cultural Gameleiros posúe seis embarcacións, algunhas en proceso de aparellamento, coas que pretendemos contribuir a divulgar e promocionala cultura mariñeira.

voltar